Saltar ao contido

Círculo de Artesáns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Círculo de Artesáns
Tipoasociación cultural
IdeoloxíaProgresismo, Liberalismo e galeguismo
Data de fundación19 de marzo de 1847
Persoas relacionadasManuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Lois Peña Novo, Concepción Arenal, Pascual Veiga, Canuto Berea Rodríguez e Sofía Casanova
Localización
EnderezoSan Andrés, 36 15003
EnA Coruña
PaísGalicia
Na rede
Facebook: circulodeartesanos Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Círculo de Artesáns (Circo de Artesáns) é unha entidade coruñesa fundada por Jorge José Yáñez o 19 de marzo de 1847 baixo o nome oficial de Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos[1]. En moitos casos, a presidencia do Círculo de Artesáns foi a antesala da alcaldía da cidade.[2]

O circo de artesáns. Ateneo de Galiza. Documental da canle galega Nós Televisión.

O Círculo de Artesáns creouse coa intención de establecer un punto de encontro para os comerciantes do centro da cidade da Coruña, especialmente da zona de Panadeiras. As súas actividades foron diversas e moi enriquecedoras para a cultura galega ao longo do tempo.

1884-1912

[editar | editar a fonte]

Ao inicio, a entidade contaba con 200 socios, mais chegaron até a cifra de 2000. Crearon unha sección de música e banda grazas aos socios inscritos como músicos. En 1884 convocaron os Xogos Florais, promovidos polo presidente da entidade, Jose Mª Quiroga, convertendo así o Circo nun dos focos máis efervescentes da cidade. Un ano despois de crearse, o 2 de setembro de 1885, levou a cabo unha homenaxe a Rosalía de Castro cunha velada no teatro Principal, presidida por Pardo Bazán, e que contou coa presenza de Castelar, quen prologara Follas novas, e de Rodríguez Carracido.

A sede trasladouse varias veces; no ano 1888 pasou dos locais en Juana de Vega ao café de Jose Mª Rodríguez na rúa Real, onde se deron festas musicais; en 1895 a San Andrés, un local ocupado anteriormente pola Tertulia de Confianza, a máis antiga das sociedades coruñesas, xa disolta naquel ano.

En 1901 a sociedade estreou unha nova Xunta Directiva; entre os seus membros destacou Félix Estrada Catoyra, tesoureiro do Circo, quen tamén foi autor dunha obra que recolle as actividades dos primeiros anos da entidade. Entre as actividades deses anos cómpre salientar a presenza de Unamuno en 1901, aproveitando a súa estadía na Galiza como Presidente dun Congreso Pedagóxico organizado en Ourense. Ademais, en 1906 constituíuse nos locais do Círculo a Asociación de Prensa da Coruña (APC).

Baixo a tutela de Manuel Monteagudo, levan a cabo en 1906 a promoción do esperanto na cidade con materiais diversos: revistas, prensa, postais... Ese mesmo ano a Sección Ateneísta do Circo fundou a Universidade Popular, que contaba cun programa de conferencias impartidas por personaxes respectables como Casares Quiroga, o médico Enrique Hervada García-Sampedro e un longo etcétera. O domingo 30 de decembro inaugurouse nos seus salóns a Real Academia Galega. O ano seguinte tivo lugar unha homenaxe a Concepción Arenal.

1913-1927

[editar | editar a fonte]

En 1913 entrou a directiva encabezada por Manuel Casás que logrou superar a crise económica que padecía a sociedade e aumentar o número de socios, vivindo a Reunión un novo período de esplendor. Anovouse o edificio da sede da sociedade, establecendo a biblioteca no andar principal. En 1916 realizouse un festa da poesía en honra de Rosalía de Castro. Sofía Casanova recibiu o título de socia de honra en 1918 e nese ano o Círculo celebra unha homenaxe a Eduardo Pondal. En 1923 entrou unha nova xunta directiva presidida por Félix Estrada Catoira e na que figuraba Antón Villar Ponte como bibliotecario. Entre finais de 1926 e comezos de 1927 a entidade viviu unha importante crise por mor da invitación que realizara o presidente a Ángel Herrera Oria para ditar unha conferencia defendendo a censura de prensa. Como protesta Villar Ponte e outros socios abandonaron a sociedade e o presidente tivo que renunciar[3].

Ditadura franquista

[editar | editar a fonte]

A súa biblioteca sufriu a perda de máis mil volumes que foron incinerados pola acción censuradora[4].

Posguerra

[editar | editar a fonte]

Nos anos corenta comezaron a aceptar mulleres como socias, mais só podían asistir aos bailes. O teatro Principal (Rosalía de Castro) funcionaba como apéndice do Circo e no hotel Finisterre a entidade organizaba os grandes bailes de Entroido de posguerra.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A súa Xunta Directiva estivo formada durante moitos anos por intelectuais da burguesía liberal da cidade. Entre os seus presidentes atópanse Canuto Berea, Manuel Casás, Félix Estrada Catoyra, Enrique Hervada, José Pan de Soraluce, Rafael González Villar ou Ramón Fernández Cid.[5][6]

Relacións con outras entidades

[editar | editar a fonte]
  • Círculo Mercantil de Vigo
  • Sociedade de Belas Artes de Lugo
  • Orfeón de Ourense
  • Cociña Económica, por participar na súa fundación. Nos aniversarios do Círculo van alí e preparan unha comida especial.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

No ano 2002 Áurea Rey converteuse na primeira muller en presidir a sociedade.[5]

Na actualidade[cando?] participan 153 socios e 47 familiares. Comparten espazo e actividades cun centro cívico municipal[7] e atópanse somerxidos nunha crise.[8]

En xaneiro de 2023, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, trasladou a súa sede ao primeiro andar do edificio do circo.[9]

  1. Yagüe López, Pilar (2003). El Círculo de Artesanos en la vida literaria y cultural de A Coruña (1884-1912). A Coruña: Deputación da Coruña. p. 185. 
  2. Entre os presidentes que logo foron alcaldes figuran Canuto Berea Rodríguez, José Soto González, Maximiliano Asúnsolo Linares-Rivas, Luis Argudín Bolívar e Manuel Casás Fernández
  3. Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez GonzálezComún temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Xerais: Vigo. p. 367
  4. Segura, Antoni; Mayayo, Andreu; Abelló, Teresa. La dictadura franquista (en castelán). Universidade de Barcelona. Consultado o 6-3-2016. 
  5. 5,0 5,1 Fernández, Carlos (26-1-2002). "Cincuenta y cinco hombres y una sola mujer en la presidencia de Artesanos". La Voz de Galicia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04-03-2016. Consultado o 28-2-2016. 
  6. La Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos de La Coruña, sociedad centenaria
  7. Elena López (19 de marzo de 2015). "El Círculo de Artesanos se convertirá este año en un centro cívico municipal". Cadena Ser (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2015. Consultado o 10 de xullo de 2018. 
  8. El Ideal Gallego. "Los Artesanos olvidan “lo mal que está el Circo”". Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2015. Consultado o 13 de abril de 2015. 
  9. "Xa estreamos casa". AC Alexandre Bóveda. 2023-01-29. Consultado o 2023-02-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]