Saltar ao contido

Amadeo Goyanes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAmadeo Goyanes
Biografía
Nacemento27 de abril de 1915 Editar o valor en Wikidata
Monforte de Lemos, España Editar o valor en Wikidata
Morte2 de xuño de 1995 Editar o valor en Wikidata (80 anos)
Lugo, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico, lutier Editar o valor en Wikidata


Amadeo Goyanes Vázquez, nado en Cinsa (Baamorto, Monforte de Lemos) o 27 de abril de 1915, e finado en Lugo o 2 de xuño de 1995, foi un gaiteiro e luthier galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Fotografía do artesán Faustino Santalices, mestre de Amadeo Goyanes.

Foi o maior de nove irmáns, fillo de Salustiano e Demetria, labregos, que traballaban no campo e no muíño familiar preto do río Cinsa, onde Amadeo axudaba de pequeno. Durante as muiñadas elaboraba frautas de cana para tocar, iniciándose deste xeito a súa afección musical. Foi despois aprendiz de carpinteiro no obradoiro dun parente até o 1936 cando foi chamado ao servizo militar. Durante a guerra civil española foi ferido en Málaga. Debido á metralla aloxada na súa perna esquerda foi licenciado como militar mutilado e asignado a traballar como ferroviario en Monforte de Lemos. No 1940, rematada a guerra, casou con Amelia Casar Aceiro de Bóveda, e foi trasladado a Valladolid. Alí frecuentou unha taberna na que se xuntaban os galegos e na que se tocaba música do país, entre eles Faustino Santalices e Luís de Castro. No pequeno obradoiro que Santalices posuía na cidade, Goyanes aprendeu a fabricar gaitas[1], foi iniciado nos segredos da zanfona e asumiu a importancia da conservación e da transmisión da música tradicional galega.[2]

No 1950 regresou a Monforte para traballar nas oficinas da RENFE na vila. No ano seguinte o seu mestre Faustino Santalices conseguiu, co patrocinio do empresario Antonio Fernández López, crear o obradoiro-escola de instrumentos galegos da deputación de Lugo. A este obradoiro, dirixido polo artesán Paulino Pérez, Santalices levou os seus calibres para a fabricación de gaitas e as súas zanfonas.[3] Estes instrumentos foron reproducidos no obradoiro coa participación de Goyanes, nunha época na que existían moi poucos en Galicia, e na que as oportunidades para escoitar ou aprender a tocar unha zanfona eran case inexistentes.[2]

Paralelamente Goyanes foi montando o seu propio obradoiro de gaitas en Monforte. Deste taller monfortino saían tamén palletas, punteiros, frautas, travesas e outros instrumentos. As súas pezas non ían inicialmente marcadas, máis adiante a súa sinatura consistía nun selo no que se podía ler na parte de arriba “A GOYANES” e na de abaixo “MONFORTE”. Vendía por encarga, non só na contorna, senón tamén para a exportación. As súas gaitas chegaban habitualmente á colectividade galega espallada por Europa e América.[1]

Ademais da súa labor como artesán e músico, fundou e dirixiu varios grupos de gaiteiros, algúns deles incluían tamén o baile tradicional. Co grupo Os Agarimos actuou en diversos lugares de Galicia, León, Asturias e Francia. Así mesmo participou en numerosas feiras de artesanía, chegando a facer unha exposición na casa da cultura de Avilés. O 28 de xullo do ano 1966 foille concedida a medalla e o título de “artesán exemplar”.

No 1970, acabado de xubilar, viaxou a Confolens (Francia), para asistir a uns cursos que se realizaban no Festival de Interpretación de Vielles. A este festival regresou no 1972 co seu grupo de gaiteiros Os Agarimos. En xullo de 1977 Goyanes regresou a Francia para concursar agora nos Encontros Internacionais de Mestres-Luthiers de St. Charlier.

Durante estes anos propúxolle ao artesán Guillermo Álvarez "O Crego" facer unha zanfona a partir duns planos de Faustino Santalices que Goyanes obtivera do seu obradoiro en Lugo. A primeira destas zanfonas foi empregada por Antón Seoane no ano 1977 no premiado disco Milladoiro[4] e no Fonte do Araño de Emilio Cao, traballos pioneiros no uso da zanfona na música galega.[5]

Amadeo Goyanes faleceu o dous de xullo de 1995 a idade de oitenta anos, a súa figura foi homenaxeada coa publicación dun libro-CD no ano 2015, centenario do seu nacemento, pola Central Folque.[6]

  1. 1,0 1,1 Escola provincial de Gaitas (Deputación de Ourense) (1996). "Reseña biográfica de Amadeo Goyanes Vázquez" (PDF). Anuario da gaita (11): 33. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de agosto de 2021. Consultado o 18 de xuño de 2021. 
  2. 2,0 2,1 "Amadeo Goyanes, un ferroviario monfortino que axudou a salvar a zanfona". gaiteirosgalegos.gal. Consultado o 2021-06-18. 
  3. García Bilbao, Julio (1996). "Averiguaciones sobre la zanfona de Faustino Santalices" (PDF). Anuario da gaita (11): 64-65. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de agosto de 2021. Consultado o 18 de xuño de 2021. 
  4. "Antón Seoane And Rodrigo Romaní – Milladoiro (1978, Gatefold, Vinyl)" (en inglés). Consultado o 2021-06-17. 
  5. Diario, Nós. "Morreu Guillermo Álvarez 'O Crego'". Nós Diario. Consultado o 2021-06-18. 
  6. "Presentación do libro “Amadeo Goyanes”". Folque. 2015-03-25. Consultado o 2021-06-18. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]