Saltar ao contido

Infección

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infección
Clasificación e recursos externos
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Infección é o termo clínico para a colonización dun organismo hóspede por microorganismos.[1] Na utilización clínica do termo infección, o organismo colonizador é prexudicial para o funcionamento normal e supervivencia do hóspede, polo que se cualifica ó microorganismo como patóxeno. Unha infección pode causar lesión celular local por metabolismo competitivo, produción de toxinas ou por reaccións antíxeno-anticorpo.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Aínda que tódolos organismos pluricelulares son colonizados nalgún grao por especies exteriores, a inmensa maioría destas habitan nunha relación simbiótica ou sen consecuencias para o hóspede. Un exemplo do anterior, son as especies de bacterias anaerobias que colonizan o colon dos mamíferos; outro exemplo son as distintas especies de estafilococos existentes na pel humana.

Unha infección activa é o efecto dunha loita na cal o organismo infectante trata de utiliza-los recursos do hóspede para se multiplicar, a costa do mesmo. O estado da infección é, de maneira frecuente, simplemente cuestión das circunstancias. Case todo organismo, nas condicións adecuadas, pode volverse patóxeno e case ningún organismo, se está presente en pequenas cantidades e en áreas ben protexidas polo sistema inmunitario do hóspede, pode levar a cabo unha infección comprometedora.

As variables que se ven envolvidas na produción nun hóspede ó que se lle inoculou un patóxeno e o resultado final, son:

  1. A ruta de entrada do patóxeno e o acceso ás zonas do hóspede que gaña o patóxeno.
  2. Período de incubación
  3. Cantidade de xermes
  4. A virulencia intrínseca do organismo particular (capacidade de multiplicación)
  5. Toxicidade
  6. Poder de invasión
  7. Tempo de actuación
  8. Asociación microbiana
  9. O estado inmune do hóspede que está sendo colonizado.

Como exemplo, as especies de estafilococos presentes na pel mantéñense inofensivas na mesma, pero cando se presentan nun espazo normalmente estéril, como é a cápsula dunha articulación ou o peritoneo, multiplicaranse sen resistencia e crearán unha gran carga para o hóspede.

  1. infección no Dicionario da RAG
  2. Dorland (1986). Dicionario enciclopédico ilustrado de medicina (en castelán) 2 (26 ed.). Madrid: Interamericana - W.B. Saunders. p. 810. ISBN 84-7605-223-5. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]