Saltar ao contido

Béisbol

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Campo de béisbol visto desde a segunda base

O béisbol[1] é un deporte que xogan 18 xogadores. Son nove por equipo que se alternan bateando e defendendo. Procede probablemente do crícket que levaron os colonos británicos a Norteamérica. En 1846 xogouse o primeiro partido oficial.

Procede dun grupo de xogos similares á billarda de longa traxectoria. De feito nunha das miniaturas das Cantigas de Afonso X aparecen varias persoas xogando a algo semellante. Pola posición dos homes, o xogo amosado é moito máis parecido ao béisbol que ao crícket ou a billarda.

Elementos do xogo

[editar | editar a fonte]

Ten unha forma cuadrangular lixeiramente arredondada na zona das bases, polo que se lle chama moitas veces diamante, pois lembra lixeiramenta a talla dun brillante.

Segundo as normas, debe ser un cadrado de 27,43 metros de lado. Nun dos vértices do cadrado sitúase o "home" (fogar), lugar onde se sitúa o bateador e que vén marcado no chan por un elemento de caucho de forma pentagonal, que lembra a silueta dunha casa.

Nos outros vértices arredondados e de xeito equidistante sitúanse as tres bases, tamén marcadas no chan por uns cadrados de material sólido. As bases ordénanse comezando pola que está á dereita do home segundo se mira para a posición do lanzador, resultando así primeira, segunda e terceira bases. Desde o home e ata a primeira e terceira bases parten unha liñas, chamadas liñas de foul, que se prolongan máis alá da zona das bases e que marca a zona válida de bateo.

Aproximadamente no centro do cadrado, a 18,44 metros do home, atópase a zona do lanzador, que estará elevada 25,40 cm sobre o nivel do resto do campo e terá a superficie e a caída suficiente como para permitir as manobras do lanzador. tamén vén marcada por un elemento de caucho.

Hai que engadir que o campo esténdese uns 100 metros máis alá das bases, seguindo as liñas de foul marcando unha ampla zona onde sempre é posible lanzar, interceptar e xogar a bóla.

O Regulamento defínea así:

A pelota será unha esfera formada por un fío enrolado arredor dun pequeno centro de cortiza, goma ou material similar, cuberta por dúas tiras de coiro de cabalo branco ou coiro de vaca, firmemente cosidas entre si. Non pesará menos de cinco onzas (141,75 gr) nin máis de 5¼ onzas (148,84 gr), e non medirá menos de 9 polgadas (22,86 cm) ni más de 9¼ polgadas (23,495 cm) de circunferencia.[2]

Debido ao seu peso e á velocidade que pode chegar a acadar, as bólas poden producir lesións e mancaduras incluso graves, polo que se fai obrigatorio o uso de certas medidas de protección:

  • Cascos con orelleiras para bateadores e recollepelotas.
  • Petos con recheo e máscaras que protexan a cara para receptor e árbitro.

Ademais, en ligas infantís ou de afeccionados pódense usar bólas feitas doutros materiais que poden facer perder emoción e velocidade ao xogo pero que non resultan tan perigosas en caso de impacto con alguén.

O elemento co que se golpea a pelota debe cumpriir cunhas dimensións que o regulamaneto define así:

O bate será unha peza de madeira lisa e redonda de non máis de 2,61 polgadas (6,6 cm) de diámetro na súa parte máis grosa e non máis de 42 polgadas (106,68 cm) de longo. O bate será unha peza de madeira sólida (non se permiten feitos de laminado).

Bates baleirados. Está permitida unha fenda ao final do bate de ata 1 ¼ polgadas (3,18 cm) de profundidade e non máis ancha de 2 polgadas (5,08 cm) nin menos de 1 polgada (2,54 cm) de diámetro. A fenda será curvada e non se pode agregar ningunha substancia estraña.

O mango do bate, a unha distancia non maior a 18 polgadas (45,7 cm) desde o seu extremo, pode ser cuberto ou protexido con calquera material ou substancia para mellorar o agarre.[3]

Noutras ligas si se permiten bates de aluminio. En calquera caso, nótese que nada se di de medidas mínimas, co que cada xogador, segundo as súas preferencias ou características de seu pode escoller o bate que mellor lle acaia.

Anverso e reverso dunha luva normal de béisbol

Cada xogador do equipo que defende leva unha luva de coiro que permite recoller a pelota. A luva é meirande que a man e leva uns reforzos e acolchados na zona de recepción da pelota, que corresponde coa palma da man. O tamaño permite alcanzar bólas que poderían escaparse cunha luva máis pequena e os reforzos defenden a man dos impactos da bóla, que poden chegar a ser moi fortes.

Os xogadores visten unha soa luva, na man contraria á dominante, así, un xogador destro levará a luva na man esquerda, para deixar o membro dominante libre para realizar lanzamentos máis potentes e precisos. Nalgúns casos, por exemplo se a bóla vén con moita velocidade, poden axudarse coa outra man, colocándoa detrás da man da luva, para facer a recollida.

Ademais da luva normal dos xogadores de campo, os xogadores que participan no lanzamento poden levar unhas luvas adaptadas ao seu posto:

  • O lanzador pode levar unha luva máis pequena e lixeira que a normal, posto que normalmente só recibe pases das bólas que vai lanzar e poucas veces terá que interceptar unha bóla rápida. Ademais, unha luva máis pequena déixao máis libre para centrarse no lanzamento.
  • O receptor acostuma levar unha luva con máis recheo que a normal, que protexe mellor a man, pois vai recibir moitos lanzamentos, os máis deles con moita velocidade.

Os equipos

[editar | editar a fonte]

Está formados por nove xogadores (máis os reservas), que se alternan bateando e defendendo. Na defensa as posición son:

  • Lanzador (pitcher), unha das figuras máis valoradas do equipo. Require potencia de lanzamento e puntería.
  • Receptor (catcher), o encargado de recoller os lanzamentos, require de axilidade e bos reflexos.
  • Primeira base
  • Segunda base
  • Terceira base
  • Parador en curto (shortstop, xogador que se atopa entre terceira e segunda bases)
  • Exterior dereito
  • Exterior central
  • Exterior esquerdo

Unha característica típica do beísbol consiste en que, na posición defensiva, como acabamos de ver, todos os xogadores teñen un posto e unha función fixas. Pero cando están en posición atacante, todos exercen as mesmas funcións de bateadores e corredores.

No ataque deben intervir todos eles bateando, pero pode existir un "bateador designado" (xogador especial que ás veces substitúe o lanzador na súa quenda de bateo). O terreo de xogo, ten como parte primordial un cadrado denominado "cadro", e colocado sobre unha das súas esquina está a meta, chamada en inglés "home", que é o lugar onde se batea.

Basicamente trátase de golpear a bóla o máis forte ou colocada posible, aínda que nalgunhas xogadas faise un toque suave, chamado "toque de sacrificio" que ten como obxectivo facer que bateadores anteriores que alcanzaran algunha base adianten posicións.

Obxectivo

[editar | editar a fonte]

O obxectivo deste deporte é conseguir máis carreiras có rival. Conséguese unha carreira cando un corredor pisa en orde e sen ser eliminado, nunha ou máis xogadas, a 1ª base, a 2ª base, a 3ª base e a base de home.

O desenvolvemento do partido

[editar | editar a fonte]

Un partido de béisbol non ten nin tempo (coma no fútbol), nin puntuación (caso do tenis) definidas. Consta de nove entradas e remata ao completarse estas, excepto que sexa necesario un desempate ou haxa tal diferenza de puntuación que non sexa necesario completar a derradeira entrada.

Unha entrada componse dunha quenda de bateo e unha quenda de defensa para cada equipo.

O equipo local é o que comeza sempre en posición defensiva, deixando a posición de bateo ao visitante. O equipo na defensa coloca os seus xogadores no campo. O equipo atacante vai pasando polo caixón de bateo para intentar golpear a pelota lanzada polo pitcher e chegar á base sen ser eliminado. Cando o equipo defensor consegue eliminar tres atacantes, pasa a ser atacante. Cando pasan os dous equipos polo ataque remata unha "entrada".

Deste xeito, o equipo defensor comeza cos seus nove xogadores no campo, namentres que o atacante comeza cun só xogador e pode chegar a ter como máximo 4 xogadores: un bateador e os outros tres en cadansúa base. Pola contra, o equipo atacante é o único que pode puntuar, o que defende só pode intentar evitalo.

No béisbol o lanzador intenta enviar a bóla a un compañeiro, que é o receptor, situado detrás do batedor, intentando que este non intercepte o lanzamento. Mentres que o bateador intenta, ben golpeando a pelota ou grazas aos erros do lanzador e receptor contrarios, saír do home e comezar a avanzar polas bases para completar unha carreira ou facilitar que compañeiros seus que xa están en bases, rematen as súas carreiras.

O lanzamento

[editar | editar a fonte]
O xogador Craig Kimbrel dos Atlanta Braves.

Cada lanzamento supón unha puntuación para o equipo atacante ou defensor que facilita ou dificulta a consecución dunha carreira. Se a puntuación favorece ao equipo defensor chámase strike e tres strikes supoñen a eliminación do bateador. Se a puntuación favorece o equipo atacante, chámase bóla e tres bólas supoñen que o bateador pasa a primeira base.

O strike pode conseguirse por:

  • O lanzador fai un lanzamento correcto que non é bateado. Un lanzamento correcto implica que se cumpran tres condicións:
    • Que a bóla pase pola vertical do home.
    • Que pase a unha altura non superior á axila do bateador, nin inferior aos seus xeonllos (esta é unha das razóns polas que os bateadores tenden a agacharse, para reducir o espazo de lanzamento correcto).
    • Que sexa recollida polo receptor.
  • O bateador intenta batear o lanzamento, sexa correcto ou non, e non o consegue.

A bóla é calquera lanzamento incorrecto, segundo acabamos de dicir, sempre que o bateador non intente respondelo.

Se a bóla lanzada golpea o corpo do bateador, este pasa automaticamente a primeira base, igual que se se acumulan tres bólas. Nestes casos, se a primeira base está ocupada, o xogador correspondente pasa á segunda base, se nesta volve suceder o mesmo, ocúpase tamén a terceira. Se todas as bases estivesen ocupadas no intre dunha tripla bóla, o equipo atacante faría unha carreira por simple acumulación de xogadores nas bases.

Se o bateador golpeou a pelota, debe saír correndo cara á primeira base, neste caso pódese eliminar de varias maneiras: collendo a pelota bateada antes de que toque o chan, ou ben tocando a primeira base tendo a pelota antes de que esta sexa pisada polo batedor ou tocando un defensa ao batedor coa pelota cando este intenta chegar á primeira base.

En Galicia

[editar | editar a fonte]

Hoxe en Galicia o béisbol conta con federación propia desde 1989, cando foi creada por varios colectivos, liderados por Ernesto Pérez da Sociedade Palaestra e Eduardo Pérez da Asociación Hercle. Un problema na difusión deste deporte é a falta de campos de xogo propios. O béisbol conta cunha instalación exclusiva en Galicia; o campo de Acea da Ama. O campo de béisbol ten unha forma aproximada a un cuarto de círculo ou un diamante.

En Galicia o seu auxe débese en boa parte aos emigrantes retornados, especialmente de Venezuela e Cuba. En 1944 fúndase a Federación Española de Béisbol e en 1955 a selección española queda campioa de Europa. En 1992, nos Xogos Olímpicos de Barcelona, o béisbol é por primeira vez deporte olímpico.

Lanzamento

Equipos galegos de béisbol

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para béisbol.
  2. Regulamento, pax. 5 (nótese como as medidas orixinais son en onzas ou polgadas, como corresponde a un deporte de orixe estadounidense)
  3. Regulamento, pax. 5

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Real Federación Española de Béisbol y Sófbol, ed. (2013). Reglas oficiales de béisbol. p. 79. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Federación Galega de Béisbol (en castelán)